Intemperiadas

NUMAX
2021
Comisariado
«Intemperiadas. Correspondencias interartes con Xela Arias», é unha actividade que estuda os impactos da obra poética de Xela Arias na obra de varias artistas actuais, e busca coñecer de primeira man como diferentes disciplinas artísticas se nutren e dialogan. Participaron Laura Tova, Io Morales, Jóia Rara, Verónica Vicente e Paula Pereira.

Intemperiadas, correspondencias interartes con Xela Arias é un proxecto comisariado por Charo Lopes para a Libraría NUMAX que conta co apoio da Deputación da Coruña. Ten como alicerce activar a pegada de Xela Arias: a sororidade instintiva, a desobediencia frente un equilibrio inxusto, a creatividade e a experimentación coa palabra son a base para que novas artistas dialoguen hoxe coa poeta falecida en 2003. Este é o punto de partida. O desafío? Transformar o estímulo literario da autora homenaxeada coa celebración do Dia das Letras Galegas 2021 noutra cousa. A partir da poesía, desenvolver cadansúa obra-homenaxe, tendo como escenario privilexiado o propio espazo da libraría.

Para isto contamos con cinco artistas diferentes, en cinco citas entre abril e outubro, que desenvolverán unha parte do seu proceso creativo no espazo da libraría, en horario de apertura ao público. Un happening a acontecer entre a bibliografia básica e complementaria dos andeis de NUMAX. Cinco artistas para desenvolver cinco disciplinas diferentes: Laura Tova (ilustración), Io Morales (téxtil), Jóia Rara [Acacia Ojea e Marta Gilino] (música), Verónica Vicente (fotografía), e Paula Pereira (cerámica). En poucos días daremos todo detalle da primeira das citas, o sábado 10 de abril, coa ilustradora Laura Tova.